terça-feira, 7 de outubro de 2025

DOUS ANOS DE GUERRA EM GAZA

Afonso Vázquez-Monxardín

Hai dous anos do comezo da guerra propiciado polo ataque criminal de Hamás -Yihad e outros aliados- contra a poboación civil israelí no que resultaron mortas unhas 1200 persoas e secuestrados uns 250 cidadáns de varias nacionalidades; e criminal porque buscaba atraer a desgraza sobre a poboación gazatí. O ataque foi seguido do lanzamento duns 10000 foguetes contra o sur de Israel, desde un territorio que fora deixado complementamente en mans palestinas en 2005 despois da retirada do exército e colonos da faixa, en época do goberno progresita en Israel. 



É obvio que o ataque modificou totalmente o panorama en Oriente Medio. O poder de Irán, Hízbolá, Hamás, Hutíes do Yemén, e Siria sufriu gravemente grazas á intervención de Israel combinada con Estados Unidos e as forzas da alianza occidental, da que estivo ausente España. A masacre de Gaza, buscada pola dirixencia de Hamás tanto como a detención da flotilla polos  seus organizadores, logrou que a opinión pública mundial se posicionase contra os israelís pola dureza da súa intervención e esquecese o comezo interesado desta fase do conflito. Dalgún xeito, o lugar onde máis apoio ten hoxe Hamás -a través das súas franquicias legais- é entre  a ultraesquera inxenua de occidente; universitaria e militante. Moito máis que entre as chancelarías do mundo árabe. 

Exipto, Xordania, Libano e Israel sufriron nas súas carnes -cos asasinatos de dirixentes dos seus países (Sadat, en Exipto, pero tamén Wasfi el-Tell en Xordania, Rafiq Hariri, en Libano, etc. , ou Isaac Rabín en Israel)- a vesania dos que se opuñan aos procesos de paz. No caso de Xordania, o asasinanto promovido pola OLP de Arafat, no de Exipto polos Irmáns Musulmáns (asumido), creadores de Hamás, e no de Líbano, polo goberno sirio de Assad, quen chegara  ao poder, non o esquezamos, porque apoiou ás milicias palestinas contra Xordania, no Setembro Negro de 1971. A Rabín, matouno un xudeu radical que se opuña, tamén, á paz. Malo de arranxar todo.  

Pero é curioso que agora que Hamás asume enfrontarse a un proceso de paz, sexa desde Occidente desde a extrema esquerda europea, onde se propicie a continuación da guerra, poñendo todas as dificultades aos intentos de paz. Meten todo no mesmo paquete: O pobo de Israel, o seu goberno, o sionismo, Trump, o mundo árabe moderado, os que non pronuncian a palabra “xenocidio”, coa simplicidade do estéril e inútil discurso de Do río ao mar... sen oco para Israel, contra a política de convivencia. Nin unha condena aos que comezaron esta guerra, un sete de outubro de hai dous anos, todo reducido á simpleza dunha película de horror de bos e malos.

Hoxe, dous anos despois do comezo desta durísima guerra, con moita sorte, moito esforzo e moitas presións externas, poida que se abra unha regandixa de luz para a paz.  Inda que sexa da man de Trump.

Hoxe un día de fondo loito para a sociedade esgazada de Israel e para a rota e esmagada sociedade de Palestina. E desde a tristura de ambos lados é obriga humana apostar pola superación.  

Give peace a chance. Inda que sexa difícil. Moi dificil.

Afonso Vázquez-Monxardín é arqueologista e catedrático de língua e literatura galegas, historiador, investigador, professor e escritor galego

Fonte: Facebook (7/10/2025)

Sem comentários:

Enviar um comentário