Afonso Vázquez-Monxardín
Hai un ano unha lexión de anxos de morte caeu sobre o sur de Israel. Desde Gaza romperon os muros cos que se defendían do seu odio os habitantes dos kibutz da zona, os mozos que rían nunha festa, os soldados que bocexaban nos seus postos, as filipinas e nepalís que axudaban nas casas aos anciáns, os tailandeses que apañaban froitos nos hortos, os beduínos que se esperguizaban naquel amencer do 7 de outubro... Non foi a “inundación de Al-Aqsa”, non. Das inundacións, como as do Nilo, ao final sempre xorde vida e desta só xurdiu máis odio e morte. Este foi só un Sabado Negro, unha vergoña para a humanidade. Para os palestinos en primeiro lugar, pois a súa humanidade foi varrida pola vesania contaxiosa de 3.000 militantes de Hamás, da Yihad Islámica, da FPLP e doutros grupos, que entraron en motos, ultralixeiros, furgonetas e iniciaron un camiño de terror e morte no que eles foron simples peóns. Tratábase de infundir na poboación israelí -xudeus, beduínos, cristiáns, etíopes, iemenís, inmigrantes, visitantes... -pánico e desesperanza e ensinarlle a Occidente que eles están aí, sen contemplacións, a impoñerse pola forza, custe o que custe. Para iso, o salvaxismo das accións era o eixo do comportamento ensaiado. Os mortos, as violacións, os raptos, foron os que foron: 1.144 asasinados e 240 secuestrados. Os israelís, por respecto ás vítimas, non fixeron públicas as imaxes dos corpos torturados máis ca en círculos moi reducidos. Pero os propios asasinos, eufóricos, difundiron algunhas. A moza alemá Shani Louk, primeiro aterrorizada e suplicante cando a levaban, logo o seu corpo morto exhibido e cuspido na caixa dunha furgoneta polas rúas de Gaza, acompañado da rexouba popular.
E Israel desatou o procurado episodio bíblico de ira e destrución apocalíptica en busca dos seus veciños repartidos como botín de guerra. Todo este furor israelí podía ter sido freado coa liberación dos secuestrados. Porque sempre estivo nas mans de Hamás frear a ira, a destrución e morte por ela provocada. Pero non. Pois o obxectivo do ataque foi só impedir os pactos de Abraham e a aproximación entre Israel e o mundo árabe moderado, farto xa das inútiles dirixencias palestinas e das inxerencias iranís. Irán, novo líder dun mundo musulmán radicalizado, por riba de Arabia Saudita ou Exipto, era a idea dos que movían fíos.
Desde o massacre de 7 de outubro as FDI estão a combater o islamo-nazismo da teocracia iraniana |
E desatouse o inferno. Lanzouse Israel, a ferro e lume, á busca da súa xente. E as franquicias iranís, á vez, sobre Israel. Hizbulá, desde o Líbano; os hutís, desde Iemen, cortando, incluso, o tráfico internacional no mar Vermello sen que houbese unha reacción internacional adecuada; tamén desde Siria e Iraq; incluso Irán bombardeou xa dúas veces Israel. E si. Loita por sobrevivir Israel en seis ou sete frontes militares. E contraataca e contraatacará. Un holocausto abonda na súa historia. A súa democracia occidental de menos de dez millóns de habitantes, con só 7,2 millóns de xudeus, ten difícil alternativa ao odio promocionado desde Teherán, cidade na que hai unha rúa dedicada ao asasino de Sadat e outra ao organizador dos ataques de Beirut de 1983 no que morreron 241 estadounidenses e 58 franceses. Sementadores de odio.
Londres 5/10/2024: Exemplo da cumplicidade dos parvos úteis de Ocidente com o islamo-nazismo |
E na batalla mediática, non menos importante cá militar, vaille mal a Israel. Pois logo do salvaxe masacre de Hamás, dos foguetes sobre Israel de todos os frontes desde o primeiro día, algúns en Occidente asumen o discurso do agresor, dos que festexaron as bombas de Atocha: que desapareza Israel. O progresismo occidental, combinando inxenuidade, antisemitismo vello e petrodólares novos, préstalle só oídos a grupos definidos polas institucións como terroristas, Hamás, Hizbulá e os hutis, e á infame teocracia iraní. Pero Israel ten dereito a existir. E Palestina, por suposto sen querer eliminar a Israel, tamén. Esperemos que a correlación de forzas resultante desta guerra -horrorosa, coma a que máis- sexa favorable á paz. Ben lles cómpre. A todos.
Afonso Vázquez-Monxardín é arqueologista e catedrático de língua e literatura galegas, historiador, investigador, professor e escritor galego
Fonte: La Región 5/10/2024
Sem comentários:
Enviar um comentário