Afonso Vázquez-Monxardín
A Segunda Guerra Mundial acabou en 1945. Ou non. Os checos afirman que logo dos alemáns viñeron os rusos e que todo finalizou en 1989. Unha forma de velo. E pode que aínda haxa máis ecos.
Afonso Vázquez-Monxardín |
O certo é que despois da II Guerra Mundial cambiaron as fronteiras de medio mundo. En Europa, entre 12 e 14 millóns de alemáns étnicos foron expulsados das súas casas do leste de Europa e trasladados á nova, e pequerrecha, Alemaña. E estiveron de acordo rusos e aliados en faceren estados homoxéneos (Polonia, Hungría, Checoeslovaquia, os Bálticos, etc.) para eliminar focos problemas futuros e coa consideración de que a súa expulsión era xusto castigo pola colaboración coas atrocidades cometidas neses lugares. E os alemáns de Alemaña acolléronos. E xa anos antes, en 1922, o noruegués Fridtjof Nansen, recibira o Nobel da Paz por organizar entre Turquía e Grecia o intercambio de poboación entre as dúas beiras do Exeo para homoxeneizar os países, despois do xenocidio grego de Turquía entre 1919 e 1922. Turcos e gregos acolleron, claro, aos seus respectivos nacionais. Como se fixo nos Balcáns nos anos noventa e estes días en Armenia cos de Nagorno Karavaj. As “raias” de Oriente Medio, Asia, África, Oceanía son, a maioría, construtos artificiais.
E cal é o empate a vinculación entre a II Guerra e Gaza?
Pois durante a II GM o gran muftí de Xerusalém, Amin al-Husayni, que viña de liderar as campañas terroristas contra os inmigrantes xudeus en Palestina -matanza de Hebrón en 1929, por exemplo- que construían, entre outras cousas, a Universidade Hebrea de Xerusalem en 1918, pois colaborou con Hitler na formación dunha milicia musulmana bosnia que masacrou partisanos titistas e moitos historiadores sospeitan que foi un dos inspiradores da solución final. Hai fotos e filmacións del con Hitler, e incluso fotos visitando o campo de concentración de Trebbin en 1942, acompañado, entre outros, de Al-Kailani, ex-primeiro ministro iraquí pro-alemán.
O caso é que Al-Husayni, ao acabar a guerra fuxiu de Berlín. En vez de ser xulgado en Nuremberg, xunto cos seus amigos, escapou e fíxose home respectado en Alexandría; tal como o iraquí Al-Kailani, exiliado en Arabia. Alí non houbo desnazificación nin nada parecido e seguiron coa mesma prédica de exterminio. E Al-Husayni, desde a radio de Alexandría, chamou aos árabes a abandonar as súas casas para que no momento da proclamación da independencia de Israel caese o mundo árabe sobre o novo país, exterminase aos xudeus e logo volvesen tranquilamente ás súas casas. A emisora cubría o sur de Israel e os intoxicados pola súa vesania fixéronlle caso e marcharon. Non así os do norte do país, por iso a maioría dos dous millóns de árabe israelís (o 20% da poboación de Israel), viven en Galilea ou no Triángulo, zona centro-norte.
E o discurso do exterminio do israelí non cesou na boca de Al-Husayni ata a súa morte en 1974, e os estados árabes non favoreceron a absorción dos que fuxiran. Israel, pola súa banda, acolleu aos centos de miles expulsados de Yemen, Irán, Iraq, Túnez, Alxeria, Libia, Exipto e resto dos países musulmáns. E a prédica do odio inzou en boa parte do liderado palestino que se opón sempre as solucións acordadas.
Cando Israel se retirou da faixa de Gaza en 2004, houbo un momento de esperanza en que se podía converter no Singapur do Mediterráneo. Pero as mortes de Sadat e Rabín demostran que hai quen non quere a paz. O asasinato dos 260 mozos no festival de música e de centos de civís polas rúas demostra que a intención de Hitler segue viva. Os que aplauden a acción terrorista de Hamas saiban que tamén aplauden o nazismo. Sen máis.
Afonso Vázquez-Monxardín é arqueologista e catedrático de língua e literatura galegas, historiador, investigador, professor e escritor galego
Sem comentários:
Enviar um comentário