Afonso Vazquez-Monxardín
Imos empezar polo principio, fixando posicións. Parece obvio que a orxía de sangue sobre os israelís dos kibutzs do día 7 de outubro de 2023, con 1.200 mortos uns 250 secuestrados, produciu como reacción buscada polos promotores no exterior -outra cousa era impensable- unha masacre apocalíptica, sobre Gaza. Son cousas, obviamente tan interrelacionadas como abominables ambas. Noutra época dirían que os demos andan soltos.
Por iso, creo, os movementos que busquen un impulso sincero de paz e de apertura de camiños de concordia -só posibles hoxe desde a distancia e independencia dos actores do conflito- non deben esquecer este vínculo de acción-reacción, deben criticar sempre ambas actuacións ao tempo, e deben contar no seu traballo só con axentes pro paz de ambas partes. E ollo, non falo de xudeus que lles dean a razón a palestinos, nin de palestinos -ou árabe israelís- que lles dean a razón a Israel, falo das xentes do común que abominan dos crimes de ambas partes e están fartos da guerra. Que os hai. Sobre todo das organizacións pacifistas de mulleres de ambos bandos como a promovida por Silvia Vivian, unha das vítimas do 7 de outubro. Si. E cando acabe esta guerra, estas posturas loxicamente en horas baixas, volverán coller pulo. E así, creo que nas esperpénticas flotillas da “gauche divine” europea, ou nos vegoñentos boicots bendicidos polo Goberno sanchista -o que non ten a bomba atómica- e polos seus medios, nas etapas da volta a España, a promoción da paz -e da solución de dous estados- debería manifestarse sempre coas dúas bandeiras entrelazadas, a palestina e a israelí. As bandeiras -que nos falan etimoloxicamente de bandos- teñen ese valor simbólico.
De HAMAS e da Yihad, organizações terroristas para as nossas leis e iniciadoras desta fase do secular conflito nom esperava outra cousa; mas também me anoja o comportamento do governo de Israel
Por iso, cando un dirixente dun país visita outro, por cortesía, como símbolo de concordia colocan nas rúas as bandeiras de ambos países alternadas; as imaxes de bandeiras entrelazadas evocan paz.
Hoxe, se só izamos unha bandeira, prolongamos a idea da vontade de guerra e da vitoria absoluta dun dos bandos. O uso da soa bandeira palestina hoxe significa, efectivamente, “desde o río ao mar”, sen oco para a outra realidade nacional que se move no mesmo espazo xeográfico. Para nada significa o apoio á causa da paz, senón á da banda de estrategas palestinos desta guerra que prefiren non soltar aos reféns para prolongar a agonía, a masacre do seu pobo, e camuflar así a súa responsabilidade nun sufrimento colectivo que, inmisericorde, provoca a reacción demoledora do goberno Netanyahu. E se se me dixese que a bandeira non é de Hamás, senón de todos os palestinos, retrucaría que a bandeira de Israel é de Israel e non de Netanyahu e dos que conducen esta guerra. Hai moito engano. De Hamás e da Yihad, organizacións terroristas para as nosas leis e iniciadoras desta fase do secular conflito non esperaba outra cousa; pero tamén me anoxa o comportamento do goberno de Israel, pola ineficacia do seu esforzo, por provocar unha inmensa masacre e con ela, o distanciamento automático, instintivo, dunha boa parte da opinión pública mundial. E a posición extremista e oportunista -cortinas de fume de temas internos- do Goberno de España, é, tamén, vil. Pois como os responsables das dúas partes sementan odio, nós, xentes do común e dirixentes políticos, desde fóra, debemos facer o posible polo contrario. Promover as bandeiras estrelazadas sería o símbolo de que outro futuro no que ambos coexistan en paz, é o que desexamos. Unha proba de que sería o correcto, sería que contaría coa desaprobación absoluta de Hamás e de Netanyahu, e dos seus seguidores españois. Pero eles son os sementadores de odio e bombas; non os podemos seguir. Bandeiras entrelazadas. Liberación de reféns e paz dunha vez.
Afonso Vázquez-Monxardín é arqueologista e catedrático de língua e literatura galegas, historiador, investigador, professor e escritor galego
Fonte: La Región (13/9/2025)
Sem comentários:
Enviar um comentário