Declaración institucional sobre o Día de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto
O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirmou que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos.
E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro, en recordo da liberación polas tropas soviéticas aliadas do Campo de Exterminio de Auschwitz- Birkenau o día 27 de xaneiro de 1945, como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.
O Holocausto é o resultado dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo que asasinou máis de seis millóns de persoas. Tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e o racismo, e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista; que provocou, de acordo coas fontes historiográficas, a deportación aos campos de traballo e exterminio nazis de 10.000 republicanos españois, dos que preto de douscentos eran orixinarios de Galicia. A maioría deles morreron alí ou, de sobrevivir, nunca puideron retornar ao seu país de orixe.
Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e teñan lugar onde teñan lugar.
Chama á Xunta de Galicia a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia, antisemitismo e outras discriminacións baseadas na orixe étnica, ou nas crenzas relixiosas, ou en calquera outra circunstancia, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022
Sem comentários:
Enviar um comentário